Neste momento estou en tarefas de personalización do modelo.

Como xa vos contaba na mensaxe anterior, estou usando Jekyll para a nova versión desta web, e atendendo ao principio KISS, mantiven o modelo minima, que é o que se aplica de xeito predeterminado nos proxectos novos.

Porén, a versión do modelo minima que estou a usar neste momento é a 2.5, e semella estar en desenvolvemento a versión 3, que podería traer cambios non retrocompatibles. Así as cousas, tratarei de non mudar moitos detalles, polo risco de que non se poidan conservar eses axustes cando a versión se actualice.

Polo de agora, estas modificacións afectan a:

  • Engadir contido ao ficheiro index.markdown para humanizar a páxina principal.
  • Modificar o layout home para usar o include post_preview e axustar así a estética do resumo de novidades.
  • Engadir varias páxinas adicionais (divulgación, proxectos, publicacións, docencia).
  • Engadir unha páxina de arquivo.
  • Modificar o layout post para axustar a estética de páxinas coma esta.