Incorporo ás publicacións un artigo, titulado “Gender bias in LLMs: analyzing AI responses on STEM career guidance”, publicado na revista Cuadernos.info, dispoñible en acceso aberto e licenciado CC BY-NC-SA.

A publicación deste artigo é motivo de fonda satisfacción, porque non foi doado atoparlle “casa editorial”. Varias revistas de prestixio con espírito interdisciplinar e mirada feminista rexeitaron avalialo por falta de expertas en tecnoloxía entre as súas revisoras. Pola súa banda, publicacións ligadas ao eido da computación afirmaban que este tipo de análise ficaba fóra dos seus obxectivos e intereses. Por veces, estiven tentada de deixalo estar.

Porén, porfiar tivo a súa recompensa e hoxe podo anunciar con satisfacción que este traballo ve a luz desde unha palestra de alto impacto e con licenza aberta.

Tamén engado no apartado de docencia un novo TFG, titulado “Aplicación móbil multiplataforma con chatbot integrado destinada a persoas potencialmente vítimas de discriminación, agresións e violencias con base racista e xenófoba”, proximamente dispoñible no Repositorio da Universidade da Coruña.