Tras das últimas actualizacións, penso que podo dar por finalizada a migración desta web. Despois da decisión tecnolóxica inicial, a personalización, e a incorporación de diferentes linguas, ficaban por encher as diversas seccións: publicacións, docencia, divulgación e proxectos (na orde na que os fun incorporando).

Non todo o que había da versión anterior da web está replicado de volta, e tamén hai contido novo que antes non estaba incluído (nomeadamente, os proxectos, tanto de investigación como os do estudantado que superviso).

Do que ficou atrás, dáme mágoa non ter un arquivo de podcasts, pois esa é información que non está doadamente accesible en ningures. Mais penso que o axeitado será incorporar nalgún momento un arquivo de actividades (entre as que estarían os podcasts), outro de proxectos, outro de publicacións e outro de docencia, pois todas estas páxinas irán medrando co tempo, e poderían de feito facelo rapidamente se vou incorporando contido cara atrás no tempo.