O último requisito funcional que pretendía para esta web reconstruída era algo que faltaba na versión anterior e que me perseguía desde facía tempo: a internacionalización.

A miña lingua nai é o español, mais sendo filla dunha familia galega, vivindo na Galiza a maior parte da miña vida e considerando o declive de falantes que o galego sofre desde hai décadas, decidín facerme galegofalante. É a lingua que emprego no meu día a día e tamém nas miñas aulas. Porén, sabemos que o inglés é a lingua franca da academia, e por iso a miña anterior web só estaba en inglés. Os tempos eran chegados de o corrixir.

Jekyll ten plugins para facilitar a tarefa de crear un sitio multilingüe, mais tendo en conta que este sitio corre en GitHub Pages e as restricións que isto impón, procurei unha solución á marxe de plugins. Dos moitos posts e webs que atopei, este e mais estoutro foron os que me serviron de axuda.